viernes, 24 de agosto de 2012

A terra das flores mortas




Aro a miúdo
Na terra das flores mortas,
De lindes trebosas
Coas mans lívidas.


Fun testemuña
Do último alento expirado
do berro da resistencia oposta ao infinito
Das raíces aferradas, que non aturaron a dor.

 Intento inútil o de arrastrar as nubes
coa ansia  de borrar as cicatrices
 e non sentir os berros irisados
dos brazos que se retorcen
nun intento errado de desesperación.

Caio de impotencia,
Xa só fica o retrato da morte…
Imprevista sepultura
De manto gris ,
Outra tumba ignorada
Con cinzas que murmuran ladaíñas ao unísono.

Foto: Emilio Romanos

viernes, 17 de agosto de 2012

A lúa que eu quero...


Arrepíame a lúa azul…
Por moi poética que resulte…
De súpeto  “Krakatoa”
Esparexe con forza,
Visualizo  a angustia e desesperación
Do  “ Skrik  “ de Munch.

A lúa verde…
Non reloce nesta bóveda celeste
Para pedir o desexo da retrocesión.

Eu …gozo
da lúa da noite peregrina
Da que aparece nos berros
Que te ansían,
Traspasando os itinerarios
Ondulantes das ausencias obrigadas.

Desa de cor mármore brillante,
Que subliña de prata ,
as letras do teu nome
Foto: Rochi Nóvoa
No abismo etéreo, e …se cabe distante,
Que retorna cada crepúsculo
Cunha melodía húmida
Cheirando a  chorima e  lilas.

lunes, 6 de agosto de 2012

Mirar a uns ollos …

Mirar a uns ollos que non relocen
Que esquivan,
Cando cautivan, seducen…
Noutrora a esencia da inmensidade.

Grandeza magnificada
Reflectir do pusilánime
Na batalla perdida
derrotada pola mirada que atravesou
Como daga cianurada.

Endeleble realidade
que acerta a desangrar
promesas de amor no esquecemento
no infortunio do momento.

Vexo uns ollos xeados
Aos soños e esperanzas
Que pretenden arrincar
As verdades máis caladas.

Oteo fracasado
Da observación das estrelas
Na noite de treboada.

Vexo uns ollos tan esquivos
Evitados sen sentido
Mecendo no silencio…
Outros mares…outros mares
De camiño a Ítaca.
Foto: Rochi Nóvoa

jueves, 2 de agosto de 2012

A espera...




O amor…tan misterioso como sublime; tan capaz de colorear  a nosa face entre nubes rosadas do solpor, como de fundir o  noso espírito na miseria máis vil, e desolada.



Dorme cos ollos abertos…

É o froito da ledicia e da maldición,

É a aristocracia lívida do ensoñó,

É bico espremido ao máximo

de sabor amargo, cando chega a mañá.



Nos regos azulados e palpitantes

A semente inconcebida agarda

O florecemento imprevisto

O amparo do tempo e do desengano.



Hai promesas que soan absurdas…

Podes pensar con certo rexeitamento,

Déixame que te convide,

á eternidade…

 que che parecerá a espera.



Tómome un respiro

Recóllome da vida, para verte pasar

Esbarrando e peregrina

Do momento , da fortuna.



Perdidos os átomos…

Saio co peito gacho,

E o papo…o papo mollado

Da chama apagada á forza

polas bágoas cobardes

 que agora derramo…



Namentres a lúa importuna

Tatúa o teu nome

Nos meus ollos cansos.

Foto: Rochi Nóvoa