martes, 27 de noviembre de 2012

Os desafiuzados



Que non sexa o sufrimento suficiente
Para  fundir aos desesperados,
Sexa a poesía nutrida , fértil
en elementos esenciais,
Que crepite no lume da lareira
Cando arda o corazón canso.

Que sexa unha man quente
A que erga un ombreiro fríxido
Canso de arrimarse ao cantil social.

Que as bocas …
Teñan fame só de bicos
E o corpo…só esquelete de ósos  apodíctico
De consistencia saciada nun fogar.

Homes , mulleres e nenos roídos
Por ferramentas industrializadas
De máquinas que secan as bágoas
mortificando con cadeas .

Criaturas que nacen para servir e morrer
Por ambicións incomprensibles
De berces  explotados
Namentres …
Lavamos as mans e non miramos.

Foto : Da rede

miércoles, 21 de noviembre de 2012

Gaiola-Escola



Hai moito tempo que lle quero adicar unas palabras a educación, pero sucede que case non sei por onde empezar.

Fago polo tanto un texto reflexivo e se cabe perital para sondear opinións.
 Paréceme que pouco avanzamos na escola da Atenas clásica, onde as instrucións eran só dirixidas aos exclavos, namentres que en Esparta so se adoutrinaba militarmente, e se castigaba aos que non alcanzaban un nivel satisfactorio. Xa no século XVIII se fala duna escola pública, gratuíta e obrigatoria a cal nacía basicamente para potencia-la diferencia de clases e obter así unha poboación sumisa ( claro que daquelas foi vendida como todo un logro e coma un deber para a cidadanía).
Entón…cando sintetizo tanto, lembro as clases teóricas e pouco practicas da universidade, onde nos machacaban con teorías educativas e, co paso do tempo polas escolas, coido que quedamos afincados ao  “ Estímulo –Resposta “ de  Freud ( Experimentaba con animais dándolle descargas eléctricas, sobre todo ratas).

Os profesores, Mestres e Catedráticos  somos na súa maioría, funcionarios que ensinamos doutrinas impostas dende Madrid por administrativos que pouco coñecen a vida escolar, baixo a vixia de uns  políticos aos que as persoas lle interesan ben pouco.

Cambian e ditan unhas leis, para que nas escolas con forma de cárcere, se formen obreiros, e poño por exemplo as grandes inversións que fixeron grandes empresarios no seu tempo tales como H.Ford.

A escola, gaiola, cárcere ou gardería, calquera destes termos podería ser empregado coma sinónimo, está aberta un mínimo de cinco horas, onde polo xeral, uns 25 nenos de …poñamos nove anos ( Xa me dá reparo mencionar os cativos de 3 aniños ), pasan estas horas sentados nun pupitre escoitando aos Mestres dar ordes coma: -Calade, atendede, non corrades, non masquedes goma, non se pode ir ao baño, agora non podes beber…  Ufffff   ¡ Nin sequera os universitarios pasan tantas horas na universidade, se a isto lle engadimos as tarefas, os contidos e obxectivos que teñen que alcanzar todos, para pasar as probas…vernos que estamos creando aulas mecánicas, repetitivas, pouco persoais e sen ningunha liberdade de expresión para o alumnado .
Tamén podería nomear as novas función dos educadores, como “ Gardas “, gardas no tramspote, gardas no patio gardas no comedor, gardas en clase…normal que nos deran o título de Autoridade hahhahah!

Se cadra xa é tempo de cambiar , pode que a mellor educación non se reciba nas escolas-gaiolas, haberá que considerar que facer cos rapaces , cales son os seus gustos e sobre todo que fixeron para merecer esta vida escrava dende tan cativos.
Se os adultos non somos coherentes, nin somos todos médicos, avogados, carpinteiros, leñadores, mariñeiros…se cadra,e digo só se cadra…os pequechos non teñen por que aprender o mesmo e facer que todo sexa competitivo cunhas notas que din se vales ou non, pode que nos  pregunten…para que dis que valía? E para que dis que non estou capacitado?...máis que nada, por que eu non son Xuíza e non quero cargar con esa carga de conciencia.  ( Chegados ate aquí, incluso pola era dixital pantexo o das faltas de ortografía)

Penalizar a un rapaz por dicir o que pensa, e subliñar a falta, coma falta de respecto… é de pouco profesionais.

Estamos preparados para atoparnos cun  rapaz que afirma que de maior quere ser feliz?, e que polo tanto diga que xa está entrenado e que non precisa os logaritmos, a historia da idade media ou onde está a Cochinchina, xa que pode ter toda esta información nun clic premendo un ordenador.
Normal que se aburran na cadea escolar, segue habendo pizarras, xices e libros … indignados? O que son …o que son  uns SANTOS

PD:  Pretendo que sexa un único escrito en varias tomas, polo que aquí non queda libre de crítica ninguén , xa que entendo que para que funcione todos temos que reflexionar.
Papis e mamis…Cantas horas xogan os vosos fillos, canto tempo  pasades con eles, que é o que máis lle gusta de verdade? Cales son as súas inquedanzas? ( non é o mesmo que saber o que queren ser de maiores) Cales e por que son os seus días favoritos?.


Foto: Da rede.

lunes, 5 de noviembre de 2012

IMPOSIBILIDADE DA TÚA BOCA



A culpa é de unha, e é miña… a culpa de quererte.


Cando falo,  a lingua esnaquiza a miña boca,
Racha o mundo, e as achas…
Penetran a pel.


Nas areas da terra
Nos engaños audaces dos soños
Nas marusías do arrepentimento.

No entoldamento prófugo
Na névoa do inverno
Nas bágoas do esbozo desproporcionado.

Desvaecen as palabras
Volto a tinta cor sangue
Esquecín o nome  luz que me amorna
Incapaz de lembrar  se choveu…
antes  de bicarte.

Dous vasos baleiros… Con anacos de cítricos,
Que esperan , agardan, amainan…

Coa dignidade dunha vara enxugada
Que coa auga se fai lume
Sen sacia-la sede
Ante a imposibilidade da túa boca.

Foto: Rochi Nóvoa