jueves, 22 de diciembre de 2016

Outra de Nadal



De novo estas datas, das que non son fan, e das que co paso dos anos chegaron  a converterse nun pesadelo. Cansa do consumismo, das supostas falsas felicitacións,das panxoliñas repugnantes e repetitivas…
Será que cumprindo anos e reflexionando un pouco chego á conclusión de que collo vacacións, monto a árbore e decoro a escola e a casa coa escusa dos rapaces, acepto os presentes que me dan por estas datas e agradézoos, poño ano tras ano a primeira para escoitar de fondo como cantan os números namentres sigo cos meus que faceres na casa e cando sae o gordo non podo evitar emocionarme un pouco.
Todo isto me traslada á miña infancia, así facían meus país, a televisión cantaba o número ganador, as mulleres viñan mercar as uvas, os figos e os turróns, o champan e as viandas, os homes á carón delas bebían viño branco, vermú e ata champan que mercaban para desexar boas festas aos veciños. Finalmente meus país agasallaban cunha rolda e lembro o Sansón e os pinchos de chourizos.
Son de Entroido, non podo evitalo, non gusto das festas relixosas sexan cales sexan, pero se uns días ao ano a xente está algo máis contenta, bébeda e compradora…Tampouco será tan malo? Como non vou responder ás mensaxes enviadas? Son tan mala persoa que non vou aceptar que alguén con máis ou menos ganas faga un esforzo  cun desexo lindo? Non deixa de ser parte da educación da nosa sociedade como o bo día matutino aínda que sexa malo?. Se cadra os que aborrecemos estas datas, por unha vez, só por unha vez, deberíamos deixar de estar á defensiva, e aínda que non recoñezamos publicamente deixarnos ir pola ilusión dos màis da casa e polas lembranzas de cando eramos nós cativos.
Cada noite de cinco de reis,confeso ter bolboretas no estómago, aínda que me considere republicana e tivera carbón . Entón non había un caixón repleto de xoguetes, como moito algún libro, cartos, roupa e con sorte unha boneca.

Agora teñen agasallos polo Apalpador, O gordo de barba branca  e os Reis. Excesivo non si? Pero  quen merca todo iso? Os país e nais que aborrecemos o Nadal? As familias? Non  vaia ser que pensen que non os queremos! Non nos querían os nosos país? Algunha familia consecuente que indiferentemente das crenzas, relixón non acabe mercando para o Nadal? Veñaaaaaaaaa ¡ non sexamos nos os hipócritas, que ata os que non teñen fillos lle mercan as  “ Barritas especiais “ aos cans.
Dubido que me toque a lotería, así que aproveito para desexarvos de verdade unas boas festas e unha boa entrada no ano novo.
Será moi doado que tarde en contestar mensaxes polas novas tecnoloxías , xa que persoalmente, un dos agasallos para a miña familia é o de pasar tempo con e para eles.
Feliz Falsidade, feliz Nadal ou o que queirades.

Foto da cativaxe do CEIP RODOLFO NUÑEZ


martes, 23 de agosto de 2016

Bite me

Deixe de soñarte

para que me botaras de menos

-Trábame! Endexamais unas bagoas saberían tan doces!


Foto: Rochi Nóvoa no pais de Gales